viernes, 18 de junio de 2010
LIBROS / MIGUEL ANXO MURADO
ESCRITO EN CAFETERÍAS / LIBROS / MIGUEL ANXO MURADO
LA VOZ DE GALICIA
Viernes 18 de junio de 2010
Hai pouco, estaba eu vendo unha exposición do pintor Barceló en Madrid. O amigo que me acompañaba fíxome notar que na maior parte dos cadros víanse libros. Pensouno un momento e enunciou unha teoría: «Isto é porque o libro está a piques de se converter nun anacronismo». E a partir de aí botoume a clásica homilía da morte do libro por causa de Internet e os libros electrónicos. Levaba un anaco de prédica cando fun eu quen lle chamou a atención sobre outra cousa: que iso mesmo se dicía dos cadros hai sesenta anos, e aí estabamos nós mirando para eles.
Lembrábame disto o outro día mentres escoitaba aos impulsores dunha plataforma que pretende vender libros electrónicos en España. Tamén eles falaban dun futuro sen libros de papel, pero de tanto falar do que vai pasar esquecíaselles observar un pouco o que está a pasar realmente. Os soportes de libros dixitais, que ían ser o agasallo estrela do pasado Nadal, están aborrecidos nos escaparates dos grandes almacéns, con cara de desempregados de longa duración.
Na Feira do Libro en Madrid e en Frankfurt, onde tamén se dicía que ían triunfar, non se lles viu o pelo, xa por terceiro ano consecutivo; e o xigante de Internet Amazon non para de perder cartos a esgalla co seu trebello de ler. Agora mesmo, os libros electrónicos non supoñen máis dun 3% do mercado do libro en Estados Unidos e menos do 2% en España. Por iso, o que nos dan normalmente son as porcentaxes de crecemento respecto ao ano anterior, que son altas xustamente porque se parte de moi abaixo. Conclusión: redóbrase a publicidade, cun resultado ambiguo: A xente cre o que lle din, mais non compra.
E os gurús da comunicación, que como todos os sacerdotes non soportan que a realidade desminta as súas profecías, din unha e outra vez que o que pasa é que a xente ten «resistencia ao cambio». Mais non explican por que non a teñen para os teléfonos móbiles ou os ordenadores. A idea máis simple, que as tecnoloxías teñen éxito cando a xente as encontra útiles e non só porque sexan novas, non se lles pasa pola cabeza.
Mesmo na presentación desta plataforma de libros dixitais podíase percibir, baixo os clixés, o derrotismo que empeza a estenderse. «Non esperamos que sexa rendible», dicía un, inxenuo. E mentres, os asistentes, cos móbiles apagados, tomaban notas con bolígrafos bic en cadernos de espiral e folios. Mentres chega o futuro, é o máis cómodo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario